Artigo publicado no nº. 4 da revista da "Sociedade Cultural Columba" no año 2004
A finais do século XIX e primeiro tercio do século XX, a
comarca de Ferrolterra destacará polo seu rico asociacionismo,
propiciado pola Lei Xeral de Asociacións de 1887, que deseñará o marco
legal que permitirá un importante número de sociedades de carácter
popular e cultural en todo o Estado Español.
O día 15 de marzo de 1913, se constitúe na parroquia de San Martín de
Covas, o Centro Campesino de Cultura, asociación caracterizada por ser
unha “sociedade de recreo”, sita no Concello de Serantes, partido
xudicial de Ferrol. O acto de constitución se levará a cabo no sitio de
Soagraña, na casa de José Dopico, señalada en dito lugar co número 2.
José Dópico xa formará parte da sociedade agrícola “Adelante Luz y
Verdad de Covas”, constituída na Pedreira en 1909, de curta vida, que
tiña como finalidade o apoio mutuo, económico e benéfico, entre os
asociados, e allea a toda cuestión política.
O motivo que leva ós veciños de San Martín, a constituír o Centro
Campesino de Cultura, será o de proporcionar os seus membros ou socios,
distraccións e solaz posibles cos recursos que se poidan reunir e así
mesmo atender á instrucción, no senso educativo, dos mesmos.
Segundo o seu Regulamento presentando ante o goberno civil da Coruña,
os seus fines están recollidos no artigo 6, no que destaca a
instrucción dos asociados, a procura do desenrolo productivo agrícola,
gandeiro e derivados, así como, levar a cabo excursións de estudios e
prácticas ós centros de instrucción que proporcionen o Estado da nación
ou os que a Centro poda establecer. No seu artigo 7º, que para
proporcionar a distracción os socios se darán 12 bailes o ano por conta
dos fondos do Centro.
No 8º, contempla que os bailes extraordinarios serán pagados polos socios que o soliciten, sempre nun número superior a 20.
Segundo os artigos 2, 3, 4 e 5, os socios poden ser de tres tipos:
efectivos, honorarios e ambulantes. Os primeiros pagarán una cota
segundo o regulamento; os segundos serán aqueles que realicen traballos
extraordinarios para o Centro, e por último, os ambulantes (moitas veces
chamados “socios entusiastas”), contribuirán cunha cota, establecida
pola xunta de socios. Será a Xunta xeral de socios, quen teña a última
palabra na admisión de calquera tipo de socios. Os socios efectivos
pagarán unha cota de 0,50 céntimos de peseta ó mes e que dez anos mais
tarde será de 1 peseta.
Segundo o artigo 12º, os socios efectivos, serán homes e mulleres,
maiores de 18 anos, con residencia no Concello de Serantes e dedicación
ou oficio vinculado os traballos do campo.
Socios masculinos e femininos, que como destaca o artigo 9º, terán en
conta que o Centro Campesino, é de carácter única e exclusivamente
económico, instructivo e benéfico, que se consigue polo apoio mutuo dos
asociados, nunha ampla tolerancia e respecto. Destacando que esta
sociedade “será ajena a toda cuestión política y religiosa”.
Por último, o artigo 21º establece que a xunta directiva se renovará o
día 1º de cada ano, con eleccións no mes de decembro anterior.
Nos últimos artigos do seu regulamento, recolle as funcións da xunta
directiva, formada por 12 directivos que ocupan os cargos de:
presidente, vice-presidente, secretario, vice-secretario, contador,
vice-contador, tesoreiro, vice-tesoreiro, bibliotecario,
vice-bibliotecario e dous vocais.
Trala aprobación de seu Regulamento, se celebra o día 6 de abril a
xunta xeral de socios e se designan os cargos da primeira xunta
directiva. Será presidida por José Mª Alvariño Saavedra, domiciliado en
Prior. O vicepresidente será Enrique López Pazos, con domicilio en
Prior. Secretario, Andrés Santiago Serantes de Aldea. Vice-secretario
Angel Pita Blanco, de Prior. Contador, Rogelio Otero Lorenzo, de
Esmelle. Vice-contador, José López Serantes, de Esmelle. Tesoreiro, José
Rodríguez Docampo, de Aldea. Vice-tesoreiro, será Enrique López
Fernández de Esmelle. Bibliotecario, Aniceto Loreonzo Bouzamayor de
Marmancón. Vice-bibliotecario, José López Canto de Aldea. Os dous vocais
serán Angel Ciz Díaz e Manuel Seoane Castro, ambos domiciliados en
Marmacon.
Poucas semanas mais tarde, o día 22 de xuño, reunidos na casa onde se
constituíron en Soagraña, deciden trasladarse o local “Cochera”,
situada en S. Xoán de Esmelle ou tamén chamada “Cochera de Esmelle”,
propiedade de Nicolás López e María Santiago, e neste domicilio
permanecerá a maior parte da súa vida activa, a excepción dun curto
período no ano de 1926, que levan a cabo a súa actividade no domicilio
social de “2 de mayo”.
O Centro Campesino de Cultura de Covas como o Centro Obrero do Seixo,
nacen ámbolos dous no ano de 1913, a imitación do Centro Obrero de
Cultura y Beneficencia, creado en Ferrol en 1911, polo que as relacións
asociativas entre Covas (e o Seixo) con Ferrol, serán moi importantes.
Así os conferenciantes ferroláns do Centro Obrero se trasladan a Covas a
impartir charlas sobre temáticas diversas, atendendo a especialización
dos mesmos. Destacarán entre outros, o enxeñeiro de mariña, Andrés
Comerma, o profesor Alfredo de la Iglesia, o médico e irmán do anterior,
Santiago de la Iglesia, etc. Como socios honorarios terían, ó igual que
o Centro Obrero de Ferrol, a Avelino Comerma, Arturo Aulet, Nicolás
López, Angel Garcia Valerio, etc.
Cumprindo o mandato de seu regulamento, en 1914, o Centro Campesino
sostén unha escola gratuíta para os fillos de socios (a súa asistencia
ronda os 60 nenos e nenas) e as súas familias.
A revista “Columba”, no seu número 1, destaca as actividades levadas a
cabo polo Centro Campesino de Cultura, segundo as noticias do diario El
Correo Gallego. Informacións de transcendental importancia o ser as
fontes hemerográficas a única referencia ó asociacionismo de Covas,
trala irrecuperable perda do arquivo municipal do antigo concello de
Serantes.
As relacións entre o Centro Obrero de Ferrol e o Centro Campesino de
Covas, se materializarán nas diversas visitas que se organizan para
coñecer os adiantos que presentan as novedosas granxas agrícolas
instaladas en A Coruña, a celebración da festa da árbore e o inicio da
replantación forestal pola estrada Ferrol-Covas, a participación nas
actividades que organiza a Universidade popular de Coruña, da que o
Centro Obrero será a súa filial en Ferrol e Comarca, visitas guiadas do
Centro Campesino os asociados ferroláns, como as organizadas anualmente
para a merenda campestre en Prior, etc.
Así mesmo é de destacar as relacións estreitas que o Centro Campesino
mantiña con outra asociación musical ferrolá, a rondalla Airiños d´a
Miña Terra, creada en 1904, de gran popularidade na Comarca e Galicia,
que organizará en Covas diversos festivais musicais e recitais de
gaiteiros nas diversas romarías celebradas en Covas.
No ano de 1917, presenta o seu balance económico (como era
obrigatorio), ante o goberno civil da Coruña, baixo a presidencia de
Manuel Díaz.
A conta de ingresos esta formada por diversas partidas:
- saldo do ano anterior: | 0,00 |
- recadado en recibos: | 356,50 |
- satisfeito polo socios honorarios: | 423,50 |
- satisfeito polos socios “entusiastas” | 211,75 |
Total recadado sería de 992,15 pesetas.
Os gastos se desglosan nos seguintes apartados:
Os gastos se desglosan nos seguintes apartados:
- 9 bailes | 278,30 |
- carburo | 23,05 |
- boquillas | 2,5 |
- veladas literarias | 10,80 |
- festa da árbore | 211,75 |
- construcción dun piso novo para local social | 350,00 |
- gastos extraordinarios | 37,15 |
Total gastos sería de 990,65 ptas.
Observando os gastos do ano de 1917, a partida maior sería a dedicada
a construcción dun local para celebrar bailes, que a si mesmo, será o
local social do Centro e a escola para os rapaces e adultos que a ela
asisten. E igualmente no apartado de ingresos, a aportación dos socios
honorarios é maior que o ingreso dos socios efectivos, de aí a súa
importancia para a supervivencia do asociacionismo popular.
Nove anos mais tarde, no balance económico de 1926, firmados polo seu
presidente, Manuel Fernández Maceira, os ingresos e gastos serían os
seguintes.
Meses | Concepto de ingresos | Pesetas |
Xaneiro | Por setenta e oito cotas | 78 |
Febreiro | Por oitenta e seis cotas | 86 |
Marzo | Por cento cincuenta e sete cotas | 157 |
Abril | Por sesenta e nove cotas | 69 |
Maio | Por cento corenta cotas | 140 |
Por donativo de socios entusiastas | 34 | |
Xuño | Por donativo de socios entusiastas | 52 |
Decembro | Por donativos da directiva e socios entusiastas | 45 |
TOTAL | 661 |
Os gastos serían como amosa a táboa II.
Táboa II: gastos en 1926
Meses | Concepto de gastos | Pesetas |
Xaneiro | Pago a tres músicos e tres kilos de carburo | 75 |
Papeis, pólizas, plumas e tinta | 15 | |
Febreiro | Pago a tres músicos e catro kilos de carburo | 74 |
Arbitrios do concello | 11 | |
Marzo | Pago catro músicos e carburo | 85 |
Abril | Pago tres músicos e catro kilos de carburo | 75 |
Pago de mil convocatorias e sobres | 14 | |
Maio | Por 200 invitacións e papel de seda para facer flores | 10 |
Pago de cinco músicos e carburo | 137 | |
Xuño | Pago de dous músicos e aluguer do seu coche | 66 |
Arbitrios do concello | 39 | |
Xullo | Pago a Manuel Fernández un día de traballo | 12 |
Agosto | Pago a Víctor Vázquez por realizar xestións do Centro Campesino en Coruña, goberno civil |
10 |
Setembro | Pago a unha comisión da directiva o seu traballo ante o goberno civil da Coruña |
20 |
Novembro | Pago de papeis oficiais | 5 |
Decembro | Pago de papeis oficiais | 6 |
TOTAL | 654 |
Observando este balance, na Táboa I, referida a ingresos é de
destacar a oscilación no número de socios. No mes de xaneiro existen 78
socios que pagan cada un deles 1 pta. No mes de febreiro son 86, Algúns
socios máis, 157 e 140 nos meses de marzo e maio, respectivamente. A
partir do mes de xuño, non aparecen os ingresos por socios efectivos da
sociedade, o que nos permite pensar que existen problemas, non sabemos
de que tipo no Centro Campesino. Problemas, que polos conceptos de
gastos nos meses de xullo, agosto e setembro, tal e como observamos na
Táboa II, “pago de dietas nas viaxes a Coruña e xestións ante o goberno
civil”, se corresponden coa suspensión do cobro das cotas ordinarias de
socios. Actos estes, que son o anuncio da súa disolución, que será
efectiva a principios de 1927, trala aprobación da mesma polo goberno
civil. Motivos: esta será outra historia que deixamos para máis adiante,
cando estean mais avanzados os estudos sobre o asociacionismo do
Concello Serantes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario